Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Hemeroteca 2010-2014 > Dossieres > Dossier
Lois Pereiro – Achegas críticas (2ª edición)
[05/10/2011]  De acordo co previsto cando no mes de abril de 2011 publicamos o dossier Lois Pereiro. Achegas críticas, preséntase agora unha segunda edición ampliada que incorpora unha parte significativa da relevante produción crítica dedicada ao autor con motivo da celebración do Día das Letras. Loxicamente, os textos e arquivos sonoros e audiovisuais que agora se integran no dossier distan de significar unha totalidade. Acaso nin sequera constitúan unha mostra por completo representativa dos moitos contributos e novas perspectivas que neste semestre compareceron no espazo público a través de diferentes medios e formatos, entre eles por suposto as monografías sobre Pereiro e a súa obra.

[Máis información sobre as novidades incorporadas na "nota á segunda edición", páxina 4 do dossier]

Constituíronse os cinco apartados seguintes:

1. Monográficos publicados nos anos 90:

Preséntanse dous números especiais de 1997 das revistas Luzes de Galiza e Dorna, publicacións que xa editaran poemas de Lois Pereiro na década anterior. As dúas revistas puxeron a dispor dos lectores artigos e entrevistas. Entre os primeiros, os asinados por Fermín Bouza, Manuel Rivas, Suso de Toro, e Fidel Vidal (en Luzes de Galiza), e os de Carmen Blanco, Olga Novo, Chus Pato e Teresa Seara (en Dorna). Entre as entrevistas, as que Pereiro mantivo con Manuel Rivas (Luzes de Galiza) e con Ana Romaní (Dorna).

2. Artigos, recensións e entrevistas:

2.1. Artigos de Arturo Casas (2010 e 2011), Fermín Bouza (2011), Xurxo Lobato e Antón Losada (1995), Isaac Lourido (2010 e 2011), Carlos Paulo Martínez Pereiro (2003), X. L. Méndez Ferrín (2011), Franck Meyer (1996), Carlos Pérez Varela (1999), Manuel Rivas (1996), Xavier Seoane (1985), Mauro Silva (2011) e Mirta Suquet Martínez (2011). Neles abórdanse distintos aspectos da obra poética de Lois Pereiro ou achéganse panorámicas máis globais.


2.2. Recensións do primeiro poemario de Lois Pereiro (Poemas 1981/1991) a cargo de Xesús González Gómez (1992) e de Manuel Rivas (1993); recensións do segundo libro (Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995) asinadas por Helena González Fernández (1996) e por Teresa Seara (1996); e incluso un comentario da narrativa breve (Naúfragos do Paradiso), relacionada coa poesía, da autoría de Carlos Paulo Martínez Pereiro (1997).


2.3. Entrevistas a Lois Pereiro preparadas por M. Caballido (1990), Darío Janeiro (1996), Rocío Pernas (1996) e Manuel Rivas (1985).

3. Documentación sonora e fotográfica:

3.1. Recóllense baixo esta epígrafe a entrevista que Ana Romaní lle fixo a Lois Pereiro sobre Poesía última de amor e enfermidade (1996), o recital celebrado no Pub Moka da Coruña (1996) e a lectura de varios poemas no verán de 1984, ofrecidos por Radiofusión.

3.2. Fotografías da presentación da obra da editorial Ouvirmos Lois Pereiro. Fotobiografía sonora (2001).

4. Material audiovisual:

Inclúe a entrevista que Xosé Ramón Gayoso lle fixo a Lois Pereiro no programa Corazonada da TVG (1989), dous vídeos preparados por Tingalaranga Audiovisual a partir da presentación da obra Lois Pereiro. Fotobiografía sonora no bar Borrazás da Coruña (2011), outro editado por Luís Aldegunde (2011) con voces próximas a Lois Pereiro e un último editado con motivo do aniversario da presentación de De amor e desamor (2010).

Ademais, o dossier contén unha serie de documentos audiovisuais que dan testemuño de distintos eventos realizados en torno á conmemoración do día das Letras Galegas. Nesa serie entran reportaxes sobre as intervencións de Anxo Angueira e Manuel Forcadela no Vento Lois de Vigo, a conferencia pronunciada por Lino Braxe no Ateneo de Santiago, o acto da Real Academia Galega celebrado en Monforte de Lemos, a homenaxe organizada no antigo Cárcere Provincial da Coruña, o concerto tributo a Pereiro que tivo lugar na Sala Nasa de Santiago de Compostela, así como o roteiro do Vento Lois organizado no Incio. 

5. Anexos:

Encartes e suplementos en prensa, publicados como adoito arredor da data do 17 de maio. Entre eles figuran os suplementos específicos de El Ideal Gallego, Faro de Vigo e Xornal de Galicia.

E, por último, a sección de anexos incorpora o catálogo da exposición Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi posmoderna (2011).

nota_edicion2.pdf (.pdf 57 Kb)
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org