Inicio > un proxecto do GAAP
O logotipo do GAAP é obra de X. Carlos Hidalgo.

Un proxecto do GAAP

O Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) formalizou a súa constitución no mes de xaneiro de 2009 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. As súas actividades como núcleo efectivo de colaboración nos estudos sobre materia poética poden situarse nos proxectos e desenvolvementos teórico-críticos do grupo de Teoría da literatura e Literatura comparada, favorecidos nos últimos anos pola incorporación de novos investigadores/as que traballan sobre poética e poesía contemporáneas.

O GAAP fíxase como obxectivo a dinamización da investigación sobre materia poética e sobre os propios procedementos de análise metodolóxica e de selección e concreción heurística cando se fala de poesía. Trátase dunha tarefa entendida non só en sentido académico senón tamén na súa dimensión participativa no campo literario-cultural. De xeito que o GAAP aspira a intervir nese campo achegando un discurso teórico e crítico plurívoco e non cinguido a coordenadas apriorísticas, que irá acompañado dun esforzo por documentar da mellor maneira posíbel o curso da poesía contemporánea, cunha ollada atenta á que se podería denominar actual, á de hoxe, a que está viva e ten algunha clase de cometido e presenza na esfera pública.

O GAAP confórmao desde os seus inicios un grupo de dez investigadoras e investigadores que comparten o interese polo debate metodolóxico na esfera teórico-crítica e comparada pero que no marco das análises que se comprometen a activar como colectivo estará orientado con determinación e claridade á produción poética galega, sobre todo á propia dos séculos XX e XXI. O concepto de produción que se pretende vehicular non terá un sentido restritivo nin textualista, de modo que as atencións serán plurais e responderán a un programa aberto que non oculta a súa ambición como tarefa crítica, por tanto tamén cultural e conscientemente política. Tratarase, pois, de activar a análise sobre repertorios e prácticas, sobre medios e públicos, sobre axencialidade e identidades, sobre a institucionalización e o canon, sobre imaxes e formas, sobre disposición e performatividade. Un propósito nalgún sentido subsidiario que non se oculta é o debate sobre a historicidade da poesía e incluso o centrado no discurso historiográfico asociado, en relación co cal o grupo aspira a fornecer mecanismos alternativos que contribúan a renovar a historia literaria nos planos funcional, metodolóxico e mesmo discursivo.

Inicialmente constitúen o grupo Arturo Casas (coordinador), Iris Cochón, Lorena Domínguez Mallo, Margarita García Candeira, María López Sández, Isaac Lourido, Chus Nogueira, Montse Pena, María do Cebreiro Rábade e Iria Sobrino. É posíbel que no futuro se incorporen outros investigadores que asuman os obxectivos indicados e acheguen iniciativas e puntos de vista dinamizadores do proxecto. Boa proba disto que se indica reside no feito de que o proxecto poesiagalega.org, no que se integraron sete dos dez membros do GAAP, conte coa participación de seis investigadores externos ao grupo (Helena González, Dolores Vilavedra, Olivia Rodríguez, Ana Acuña, Miro Villar e José Luís Forneiro), aos que se pode sumar tamén o nome de Laura Mariño, quen une aos seus coñecementos técnicos sobre edición dixital a formación filolóxica.

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org