Inicio > Presentación

Presentación

poesiagalega.org é o rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio dixital sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos. Representa o resultado inicial dun traballo colaborativo en proceso desde 2009 que, a medida que incremente contidos, está chamado a constituírse nun dos lugares de referencia para o estudo e a investigación da poesía e da literatura galegas contemporáneas no espazo cultural de seu e nas coordenadas amplas das relacións interculturais e interliterarias. E isto non só por facilitar documentación en acceso directo senón tamén por axudar a instaurar redes informativas que contribuirán a xerar ideas, coñecemento, método e interrelacións non sempre previsíbeis de antemán.

Os documentos dispostos no repositorio foron cedidos voluntariamente por autores/as ou editores/as tras unha solicitude formal do equipo. Nalgunha ocasión obviouse este procedemento por figurar o texto a disposición pública na rede, en especial en repositorios académicos. Nos seus alicerces está o proxecto de investigación poesiagalega.org: Constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural (09SEC022204PR), coordinado por Arturo Casas e desenvolvido por un equipo interuniversitrio de investigadoras/es que no marco do Programa Sectorial de Investigación Aplicada da Xunta de Galicia obtivo financiamento público da Consellería de Economía e Industria para o período 2009-2012.

En relación co soporte técnico e coa continuidade de poesiagalega.org foron fundamentais a axuda económica e a acollida do Consello da Cultura Galega no seu propio espazo web, comprometidos xa desde antes de dispor do aval do Programa Sectorial indicado. Así mesmo, a iniciativa recibiu en 2011 financiamento económico específico do Grupo de Investigación Teoría da literatura e Literatura comparada da USC (GI-1371) para implementar as potencialidades do arquivo/buscador da web.

Ademais das sinaladas, son numerosas as débedas de distinta índole contraídas polo equipo de investigación con persoas, empresas e institucións que cederon de forma desinteresada textos e materiais audiovisuais, fotográficos ou doutra clase. Non é posíbel facer detalle pormenorizado de agradecementos pero detrás de cada achega documental debe pensarse que houbo e hai sempre un ou varios nomes dignos de recoñecemento.

Pola súa decisiva implicación en facer máis operativo e potente o proxecto inicial, o equipo de investigación de poesiagalega.org desexa concretar especialmente a gratitude en Manuel Gago, que despexou problemas e perspectivas no exercicio das súas funcións no Consello da Cultura Galega, e en Manuel M. Barreiro, que adestrou ao grupo nas utilidades técnicas e anticipou orientacións fiábeis para as dúbidas formuladas e para as que nin chegaran a cobrar forma. Por último, a optimización permanente na transferencia de coñecemento, na usabilidade e no mantemento técnico de poesiagalega.org son en alta medida consecuencia dos excelentes servizos profesionais prestados pola consultoría tecnolóxica Dimensiona.

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org