Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Hemeroteca 2010-2014 > Dossieres > Dossier
Translittera
Rafael Xaneiro
[18/02/2010]  En 2005, entre o 18 de novembro e o 3 de decembro, unha vintena de artistas achegáronse ás novas linguaxes poéticas para dar vida a Translittera, un encontro para a experimentación de creadores procedentes de disciplinas tan diversas como a poesía, a música, o teatro, as artes plásticas e a experimentación electrónica.

Translittera (elementos de fluxo)

1. Mobilización

a. Contexto (a situación)

A variedade das perspectivas existentes no eido da creación artística en xeral, nun momento no que a tecnoloxía se constitúe en invalorábel ferramenta de traballo para facilitar a investigación de novos puntos de vista e diversas vías de desenvolvemento vén dando nos últimos anos na aparición dun crecente interese cara a esta expectativa por parte dos numerosos creadores, recoñecidos e sen recoñecer, que poboan o noso mundo literario.

Este feito constátase pola crecente experimentación á que asistimos no que atinxe ao traballo con linguaxes inter e multidisciplinares– performances, accións poéticas, obradoiros de creación e eventos emerxentes onde concorren diversas formas de arte como música, plásticas, expresión corporal, etc. –e na continua asociación de autores a experiencias vencelladas ao contorno de internet, entre outras.

É preciso salientar, porén, o carácter illado que todas estas iniciativas representan na práctica en Galiza e o feito de que, finalmente, a difusión da creación poética remata por limitarse de xeito moi habitual ás marxes do libro impreso.

b. Declaración de principios

Considerando este contexto, Translittera (a letra transcendida, transpasada,  transducida, transdimensionada...) emerxe en 2005 como fluxo propiciador tanto da creación experimental con horizonte nas linguaxes poéticas, como  dunha plataforma de contacto interactivo entre xeradores e receptores dese contorno comunicativo. Un laboratorio diversificado e aberto a novos modelos xerativos e relacionais. Unha bomba no centro da palabra poesía que expande centos de sentidos cara ás marxes.

2. Activación

a.- Premisas

O traballo dos participantes centrouse nunha serie de intervencións, cun espazo e un tempo determinados, que xiran en torno a dous eixes. Por unha banda a idea da transgresión, superación ou, simplemente, o xogo cos límites habituais que conforman a expresión poética; pola outra, a reivindicación da poesía como acto, con maior ou menor importancia do seu carácter efémero.

Estas liñas serviron para amalloar e dar senso de conxunto, ou fondo de escenario, a todos os proxectos levados a cabo dentro de Translittera, de xeito que propiciaron unha serie de propostas diversa (amais de diverxente) nos modos e metodoloxías de expresión e no tocante aos aspectos conceptual e técnico.

b.- Desenvolvemento

Translittera realizouse en cinco sesións que se desenvolveron en semanas consecutivas entre o 18 de novembro e o 3 de decembro de 2005 co seguinte programa de participacións:

  • 18 novembro: Fundación E. Granell
  • Ig
  • Lomarti
  • Nela Quesada e Roi Fernández
  • María Lado e Lucía Aldao
  • 25 novembro: Fundación L. Seoane
  • Manuel Cortés
  • Antón Lopo, Iván Prado e Manolo Martínez
  • Lomarti
  • Yolanda Castaño
  • Nela Quesada e Roi Fernández
  • 2 decembro: Fundación Laxeiro
  • Cristina F.
  • Estevo e David Creus
  •  Nenoescuro e Carolina Fernández
  • Pepe Sendón
  • María Lado e Lucía Aldao
  • 26 novembro: Fundación W. Fernández Flórez
  • Carlos Santiago
  • Estevo e David Creus
  • Carlos Quiroga
  • Yolanda Castaño
  •  Ig
  • Antón Lopo
  • 3 decembro: Fundación Ramón Otero Pedrayo
  • Carlos Quiroga
  • Manuel Cortés
  • Carlos Santiago
  • Pepe Sendón
  • Nenoescuro e Carolina Fernández

Ademais das intervencións realizadas, en cada sesión proxectáronse propostas audiovisuais de minus bálido e Adri, Ana Cibeira, e Nela Que.

c.- Axentes

Translittera levouse a cabo, na súa etapa de desenvolvemento, coa produción do Consello da Cultura Galega, a organización da Fundación Granell, a Fundación Seoane, a Fundación Laxeiro, A Fundación Fernández Flórez e a Fundación Otero Pedrayo, e baixo a coordinación de Rafael Xaneiro.

Os creadores que aceptaron a proposta foron: Antón Lopo, Manolo Martínez, Iván Prado, Carlos Santiago, Pepe Sendón, Yolanda Castaño, nenoescuro, Carolina Fernández, Estevo Creus, David Creus, María Lado, Lucía Aldao, Manuel Cortés, Cristina F. Lomarti, minus bálido, Adri, Ana Cibeira, Carlos Quiroga, Ig, Nela Que e Roi Fernández.

3. Proxección

Actualmente presentamos unha peza catalográfica derivada do material sonoro e videográfico cedido polo Consello da Cultura Galega, producido durante o desenvolvemento do evento, e realizada para o proxecto poesiagalega.org.

Sendo que Translittera constitúe unha proposta de investigación polos espazos non determinados da creación multidisciplinar, o seu fluxo de acción pode visibilizarse novamente en calquera momento e con formas diversas e non prefiguradas.

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org