Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Hemeroteca 2010-2014 > Dossieres > Dossier
Autopoéticas
[07/08/2012]  O dossier Autopoéticas recompila os materiais do repositorio de poesiagalega.org que encaixan nesta modalidade discursiva. Integran o sumario grupos de autopoéticas que, pola súa aparición nunha determinada publicación periódica ou colección editorial, constitúen corpus textuais coherentes e representativos da poesía galega contemporánea. Foron incluídos, ademais, materiais doutro tipo igualmente interesantes para a conformación dun panorama diverso e significativo da poesía galega contemporánea, que abrangue desde mediados da década de 1980 até a actualidade.

 O dossier está integrado polos seguintes capítulos:

1. Do Boletín Galego de Literatura:

Inclúe as trinta e seis autopoéticas publicadas nesta revista entre 1989 e 2004, con presenza da gran maioría das voces máis consideradas pola crítica literaria galega. Entre elas as de Luz Pozo Garza (1989), X.L. Méndez Ferrín (1992), Luísa Castro (1992), Xosé María Álvarez Cáccamo (1992), Ana Romaní (1994), Chus Pato (1998), Miguel Anxo Fernán-Vello (2000), Yolanda Castaño (2002) ou María do Cebreiro (2003).

2. De Leliadoura:

Integran este capítulo un total de dez textos incluídos como paratextos na colección de poesía Leliadoura, de Edicións Sotelo Blanco. As autopoéticas incorporadas van asinadas por Manuel Rivas (1985), Paulino Vázquez (1985), Luz Pozo Garza (1986), Xosé María Costa (1986), Xosé Mª Álvarez Cáccamo (1986), Pilar Cibreiro (1987), Claudio Rodríguez Fer (1987), Lino Braxe (1990), Xosé Cermeño (1991) e Ánxeles Penas (1992).

3. De Letras de Cal:

Comprende unha selección de textos que, destinados a presentar un autor ou autora nos libros publicados por Letras de Cal, teñen tamén certa vocación autopoética. Recóllense as achegas de Celeste Craveiro (1998), Carlos Negro (1998), Sechu Sende (1998), Francisco Souto (1998), Olga Novo (1999) e Verónica Martínez Delgado (2001).

4. Poéticas grupais:

Capítulo conformado por textos cuxa orientación autopoética se refire á escrita de grupos ou xeracións literarias. Inclúense os traballos de Marta Dacosta (1997) e Rafa Villar (1997) sobre a Poesía dos 90; de Xavier Frías-Conde (2007) sobre a poesía galega en Madrid desde a década de 1980; ben como a presentación do Grupo Surrealista Galego (2011).

5. Poéticas intermediais:

Os textos de Lupe Gómez (1997), Vítor Vaqueiro (2005), Rafael Xaneiro (2010) e Pepe Cáccamo (2010), que integran este apartado, comparten a orientación reflexiva sobre a expansión do poético cara a terreos artísticos distintos do propiamente literario.

6. Comunicación orais:

O último capítulo agrupa catro textos procedentes de recitais, conferencias ou presentacións de libros. Son da autoría de Celso Álvarez Cáccamo (1996), Xiana Arias Rego (2008), Erín Moure (2008) e Daniel Salgado (2010).

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org