Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Picaversos (2013)
Vídeo resumo de Picaversos do silencio, con Gonzalo Vázquez, Helena de Carlos e Miguel Ángel Curiel
3 minutos e 53 segundos





Subcampos: Recital
Descrición: Recital no pub Modus Vivendi de Santiago de Compostela (Praza Feixoo). Data: 12 de marzo de 2013. Ciclo de Lecturas Poéticas Picaversos, organizado por Branca Novoneyra e Olalla Cociña.

Tipo de video: Vídeo informativo

Fonte: Vimeo

Metadatos: Picaversos; Novoneyra, Branca; Cociña, Olalla; Vázquez, Gonzalo; Carlos, Helena de; Curiel, Miguel Ángel; Virxilio; Pasolini, Pier Paolo; Gamoneda, Antonio; Zitarrosa, Alfredo.

Observacións:

[Do blogue Picaversos, 12/03/2013]

Non callou a neve a noite que nevou en Compostela, pero deixou entrar de vagariño o silencio de Miguel Ángel Curiel, Helena de Carlos e Gonzalo Vázquez. Velaquí algunhas fotos para lembrar a sesión máis silenciosa, a track list das lecturas dos convidados e un emocionante fragmento das Xeórxicas de Virxilio que nos deixou Helena de Carlos ao que lle puxo sentido e voz para nosoutros esa noite.

 

TRACK LIST:

Miguel Ángel Curiel: Textos propios.

Helena de Carlos: Fragmentos traducidos por ela mesma da Eneida e das Xeórxicas de Virxilio. Último poema do seu libro “Vigo”.

Gonzalo Vázquez: Textos propios, de Antonio Gamoneda, Pasolini e un poema de Alfredo Zitarrosa na súa voz.

 

Virxilio, Xeórxicas, 4, 485-527


Regresaban tras esquivar os azares todos
E chegaba ao mundo exterior coa súa Euridice
que lle viña atrás, tal fora a lei de Proserpina,
cando colleu ao amante unha súpeta loucura,
digna de perdón, se os mortos perdoar soubesen.
Trouxo de volta a Euridice, e baixo esa mesma luz
esqueceuse, ai, e tranquilo tornou ollar: alí
desbotou todo afán e roto quedou o pacto
do tirano, e tres veces troou no lago infernal.
Dixo ela: Orfeo: quen nos perdeu a ti e a min,
que loucura é esta?: de novo atrás chámanme
os fados, e o sono pousa nos meus ollos vagos.
Adeus: lévanme e a noite inmensa arrodéame
mentres che tendo en van as mans e xa non son túa.
Falou, e ao punto fuxiulle dos ollos cal fume
que se perde na brisa lixeira e aínda que
el prendía en van as sombras e moito quería
dicirlle, nunca máis se viron, nin o porteiro
do inferno deixouna ir alén da linde do encoro.
Que facer? Onde ir, privado outra volta da muller,
con que pranto, con que voz  conmovería os Manes?
Ela aboiaba xa fría na dorna da Estixia.
Disque el sen falta, cada sete meses do ano
Baixo a elevada rocha onda o Estrimonio deserto
Choraba calado e teimaba na cova fría
Amolecendo as feras, dando pes á aciñeira;
Como o triste reiseñor á sombra da árbore
Laia a ausencia dos seus fillos que o labrego duro
Levoulle do niño así que naceron, mais el
Chora á noite e sentado na triste póla canta
O canto que colma o espazo de tristes laios.
Ningún novo amor, ningún casamento o dobregou:
El so percorría os xeos hiperbóreos,
O Tanais nevado, os eidos casados co xeo
Na procura de Euridice e do que o inferno alí
Levou e mentres tal facía as nais dos ciconos
Que en orxías a  Baco de noite celebraban
O mozo esgazaron e espallaron polos campos.
Tamén daquela a cabeza quitada do corpo
Mentres o río en remuíños a revolvía
Coa mesma voz e a lingua xa fría Euridice,
Ai pobre Euridice, chamaba, case sen aire.
E á beira por todo o río espallaba Euridice.

 

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org