Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Raña, Román (2006)
"Poema da inmensidade detida"
2 minutos e 23 segundos



rana_2006_poema.mp3 (.mp3 3.3 Mb)


Descrición: Gravación pertencente ao volume 2 de Poetas e narradores nas súas voces, publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006).

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Consello da Cultura Galega

Dereitos: Consello da Cultura Galega

Observacións:

POEMA DA INMENSIDADE DETIDA

Confúndenme as estrelas polo ceo.

Unha bengala estoupa e logo cai
deixando un tenue rastro de faíscas.

Miro as constelacións, os pontos infinitos,
a súa eternidade,
e, non obstante, sei que sinto en min
o fervoroso asombro de estar vendo
o que morreu hai muitos millóns de anos
na clara eucaristía das estrelas.

Miramos vida morta, simulacro
e resto do que foi e, ao mesmo tempo,
está sendo. Isto abruma, isto destroi
o que podo pensar coa miña mente
tentando descifrar o paradoxo
de amar unha ilusión mentres se perde
o obstinado brillar dos mesmos astros.

Por iso cando miro esas galaxias
hai algo que nos baña en sacramento,
un estupor que fai estremecer
os nosos corazóns por toda a terra.
Todo o que lembro sei que foi lembrado,
todo o que dei na púrpura vindima,
o ledo sal do mar que a infancia garda,
o lento navegar por terra estraña,
o medo a desligarnos de nós mesmos.
Todo o que sinto sei que foi sentido
a suave tentación de irnos amando
por camiños perdidos, o delirio
desta ebriedade,
esta doce maneira de dicir
que a noite é menos pura e recobrar
a lembranza feliz de nós despidos.

Descubro entón que a bengala veloz
e a inmensa latitude dos cruceiros
acaban sendo o mesmo,
pois foron son serán febrís daguerrotipos
repetindo o ocaso do universo,
as pálpebras que fechan o vivido,
o constante entusiasmo dalgúns beixos,
o raro desapego ao que nos demos
naquela luz de ti desasistido.

Así é a noite, unha lúa de mofo
que se apousa nos ollos cando penso
se nós tamén seremos como estrelas,
que vivimos aquí a sombra doutra vida
vivida noutro sitio,
que somos unha luz xa repetida,
que nunca inauguramos o que vemos.

[Inédito]

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org