Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Miranda, Xosé (2006)
"Manifesto indeterminado"
4 minutos 48 segundos





Descrición: Gravación pertencente ao volume 2 de Poetas e narradores nas súas voces, publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006).

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Consello da Cultura Galega

Dereitos: Consello da Cultura Galega

Observacións:

MANIFESTO INDETERMINADO

A pantasma ignorada de Manuel Antonio percorre os camiños de Europa
e racha as cadeas nos suburbios de Roma,
as rodas, o pau da fogueira, o mastro,
a barbarie civilizada, a crónica atrofia da sensibilidade, o seguidismo artístico da metrópole,
a mocidade imbécil, os prosmas inxertados de raposo, a podredume interior, as pexas neocoloniais, as arráns académicas,
o aserrín encefálico, os mamaleites literarios, a indixente babelia madrileña,
os camiños vellos e fracasados, a negación da razón, as normas antinormativas, o letrismo inocuo, o individualismo inerme,
a literatura deportiva, os tónicos reconstituíntes, os versos estomacais, a divertida microcefalia hipercrítica,
a acrítica literaria,
o comando dos parvos, a imprensa trasamarela, o verbalismo afásico, o costumismo suxo, o costumismo desaforado e con aires de importancia,
o diálogo de besugos interior,
o método introspectivo, os narradores da súa propia idiocia, os sectarios do baleiro,
a retagarda monetaria, a incesante moralina práctica, a Compaña dos desnutridos,
os baladistas do baladí, ai, amor, os columnistas da quinta páxina,
os tipos serios que non coñecen a Marcel Schwob,
o inacabable bombardeo dos veciños colaterais,
o exército dos torpes, que xa elixiu coronel e comandante,
os réprobos medindo moito as súas amizades
e os prudentes, sempre coa súa nodriza da man.
Boto os dados contra o taboleiro da realidade para atopar o sorriso indeterminado do meu gato
e remexo no spleen do atardecer xogando ao guá cos bosóns e os neutrinos,
no labirinto azul dos días percorro os sotos en mil universos paralelos
que non poden por iso tocarse e en todos Lenin conversa con Castelao
e no meu barrio os nenos rodean con neumáticos o mastro da fogueira
no medio do verán
e préndelle lume ao día como se fose unha nave vikinga inestimable
e en todos esqueces nalgún lugar a miña imaxe.
Cazador de cetáceos acuáticos que cantan a canción orixinaria e afirman a superioridade transcendental do socialismo,
entrégolle un panfleto máxico a un mozo ruso que se pegou un tiro no peito porque está aqueixado dunha dor sen remedio.
Iluminado violinista, o meu grilo cuántico sae cantar á beira da túa válvula mitral
e nas noites desconcertadas co seu coitelo de sílice fai a cabrafigadura das túas dendritas.
Durmindo á beira dun regato, despistado coma un mouro,
só vexo sombras subindo as escaleiras,
sombras que eran os eus doutrora que recollían á repañota o que o mundo lles botase:
días de chuvia, amores, silencios como pedras,
cancros, astenia primaveral, soños e pesadelos, primos convexos,
sol nas tardes de praia, amigos, as horas tumefactas
do miserable tardofranquismo, rúas sen beirarrúas,
noites perfumadas, magnolias, o colexio de pago,
as tardes desangrándose na noite coma un anxo homicida
e as estrelas remotas e se cadra inexistentes.
A realidade, soterrada baixo séculos de propaganda e ideoloxías tumescentes,
non é máis ca unha jenny haniver. Precisa o método do ruina montium
para acadar as súas médulas intransitables.
Pola rede amazónica das miñas veas viaxa un fitzcarraldo ateigado de pianos
que levantou unha caverna cuaternaria da miña aurícula esquerda,entre estalactitas e estalagmitas, unha ópera selvática,
tras o arrobamento de descubrir, á caída dos ideoloxemas, a apoteose das melancolías,
e como Lewis e Clark vai río enriba ata atopar as fontes do tedio
que cega como se fosen os ollos da Medusa.
Co dedo maimiño remexe na copa de champán do multiverso
para decidir ao azar o spin das partículas elementais.
Apúntame de veras á revolución francesa
e limpa con esmero o nome de Robespierre, como unha prezada moeda.
O meu grilo especular ten o seu tobo no arco da túa aorta
e todos os seus compoñentes, que lle chaman Paganini,
fregan as ás autómatas cando che falo ao oído
e fan un coro lendo cada un máis alá o seu manifesto,
perdendo de novo os pasos perdidos
e arrepañando os anacos embalorecidos do pasado, que eu abanei cunha baloira
para que podan soltalos os fillos anoréxicos da avangarda
e para que os mozos do exército vermello leven no peto esquerdo, próximo ao corazón,
o sorriso magnífico da raíña moura e a lembranza dunha estampida de bisontes
que saudaban bruando dese xeito o paso de Cabalo Tolo, noso Rei Sebastião
que foi e ha volver.

[Inédito]

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org