Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Lopo, Antón (2006)
"Sen condicións"
1 minuto e 34 segundos



lopo_2006_condicions.mp3 (.mp3 2.2 Mb)


Descrición: Gravación pertencente ao volume 2 de Poetas e narradores nas súas voces, publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006).

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Consello da Cultura Galega

Dereitos: Consello da Cultura Galega

Observacións:

SEN CONDICIÓNS

Hoxe chegoume o que é, con seguridade, o seu derradeiro
correo.
Di que tivo varias tentativas de escribirme,
pero desistiu ao non dar co ton adecuado.
Todo se lle convertía en reproches e queixas e pensamentos
negativos.
"Así non era como o quería facer",
                                                        di
                                                            e a pesar diso,
                                                                                   asegura,
non deixou de escribirme cada día:
longas cartas mentais que eu, se son sincero,
recibín puntualmente e contestei
sen que il as recollese nunca.

Agora, todo está perdido entre nós
e, sen embargo, xura que me quere
como o primeiro día no que me amou,
ese día que ten -engade- "a mesma antigüidade do home".
Quéreme co mesmo amor imperfecto e necesario,
o que eu represento -insiste unha e outra vez no seu correo-
ten un valor que posiblemente non é un valor senón un
significado:
un significado sen palabra que o designe,
que non o deixa durmir
e o fai soñar infinito.

Non temos nada que falar
e esta certeza ofrécelle
unha nova perspectiva do amor e unha declaración poderosa de inmortalidade
que só se atrevera a facerlle ao mar:

Vive namorado de non verme, de non tocarme, de non falar
comigo,
Iso, seino, é de verdade amor,
amor sen condicións, pero amor convencional, á fin e ao cabo.

Escribe, despois de tantos meses de silencio, que me ama
e escríbeo porque asume que é a última oportunidade de dicirmo.

Debe ser así
porque senón tería que ser odio o que il sentise.

[Fálame. Ferrol: Sociedad de Cultura Valle-Inclán, col. Esquío, 2003]

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org