Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Fanny + Alexander (2009)
"Espida de credo"
4 minutos e 5 segundos





Descrición: Videoclip do tema "Espido de credo", pertencente ao disco Alfaias (2009) do grupo de pop acústico e electrónico Fanny + Alexander. A letra da canción é unha adaptación dun texto de Emma Couceiro.

Tipo de video: Vídeo creación

Fonte: youtube.com

Metadatos: Fanny + Alexander; Alfaias; Couceiro, Emma; As entrañas horas; poesía e música.

Observacións:

CARTA-EPÍLOGO

Santa Cruz de Mondoi, 12-Outubro-1997

Falábamos das praias e ardía parís como no cine. Falábamos das casas de ceo e ventre deserto porque no centro de nós mesmos cerraban os ollos. E tardei en escribirche e contarche o que se sente agora que nada é como dicías. Agora  que esperto e vexo o meu corpo respirar con forza. Penso nelas e penso en ti mentres o vento segue matándose na miña casa. E segue sendo triste. Tan triste como a que comprende.

Quero contarche a miña historia de bailarina, os meus vestidos de princesa sen corpo e sen vestidos. Aquí todas sentiron chorar os seus fillos dentro. A vida era o seu manto de humidosas como un templo, como o pazo da aldea cercándoas. E no forno de pedra, entre as edras, parían as gatas dos veciños. Dous séculos de enfermidades fermosas e irmáns asmáticas. De olor a terra pisada todos os días. Porque por onde pasas puido nacer a vida que che faltou para querela e que te deixe morrer entre os seus brazos.

Pero o meu sangue non avanza nas veas como as túas palabras ou a túa relixión. Son a outra espida de credo e cando visitamos as ruínas do teatro recito a túa pel a escuras e sei cómo cae un imperio. Fronteiriza na derrota porque só nos límites se conquista o centro.

Pero os cimentos. Hai algo que non teño nos cimentos. Todo un camiño cara atrás recollendo traxes de voda secos nos armarios, e logo repetindo que todo o que tes é teu, dende a superficie ao centro da terra é teu. Pero se me arrastro até o fondo nada existe na escuridade que me debes como herdeira desa terra. Non me podes pagar máis.

Se existe algún deserto que non me cruce, son a primeira desertora do camiño, a iniciada aos seus pés. Toda renuncia levanta pedras para lapidar algún silencio. E algún día ese silencio será o teu cando saias a buscalo.

Soñei este mundo. Sabía cada espacio. E liñas volumes que non teño. Pero cando marches cercado no pantano que xa non respira, cando cruces as augas que xa non respiran, tende a lingua para min dende o principio dos tempos, que saiba a orixe dalgunha boca triste e forte como se morde, como se volves.

Porque nada destruo que non sexa. E se volves, habita

este corpo que entrañas horas,

e que entrañas horas repitas

que entrañas horas.

(Emma Couceiro, As entrañas horas. Sada, A Coruña: Ediciós do Castro, 1998)

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org