Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Álvarez Torneiro, Manuel (2006)
"Nómina viva"
3 minutos e 43 segundos



torneiro_2006_nomina.mp3 (.mp3 4.3 Mb)


Descrición: Gravación pertencente ao volume 2 de Poetas e narradores nas súas voces, publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006).

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Consello da Cultura Galega

Dereitos: Consello da Cultura Galega

Observacións:

NÓMINA VIVA

Amaron o misterio das noites demoradas,
os silencios que gardan fondo mar no seu fondo
e as mulleres que había detrás dunha tristeza.

Aquel nas caravanas que nunca se detiñan,
bébedo das paisaxes que non son deste mundo.

Aquel que visitaba un mar de axilas baixas
e contaba os cometas perdidos para sempre
dende o día dos cismas.

O da saga dos campos con silos de sol duro
e penedos azuis
pintados polos dedos furiosos das tormentas,
cando os nenos turbados e as teceláns sen fábula
pechábanse nos fornos.

Aquel da voz sombriza.
O que daba respostas preguntando.

Aquel que nos cafés infames lía textos
de floración.
O da arca secreta.

O que sempre levaba a alma de fóra:
unha alma de selva respirando,
un ruído de esperanza.

Aquel fronte aos sinais que nunca se comprenden.
Aquel que se ausentaba das longas galerías
e anos despois voltaba cun século aprendido,
cun continente de sabedoría,
un caudal de raros privilexios
e era doce e era lento coma a trashumancia
dos meses que concentran os astros máis pesados.

E aquel outro do principio das chairas,
dun sur de pleitesías, delicado,
entendido en cortizas, cunha flor na lapela,
roupaxe tan coidado
nas públicas subastas dos outonos.

E aquel que viña con Rimbaud na boca
e o seu especieiro e o seu felino-luz
e a soñada substancia do pracer.

E aquel discriminado nos dominios do pazo,
vencido, con cansazo de planeta,
con tanta soidade que abrazaba.
O sempre conmovido.

E os que cren nos dereitos:
os homes e as mulleres que os terán algún día,
porque soñan,
porque en ningún lugar —razoan— está escrita
tanta prohibición, o mandato de ferro,
os títulos escuros, o canto de negar.

Os profetas coa súa constelación desorientada
ao pé dos zócolos da cidade arisca e pervertida
e exhumada cada alba.

Os grandes contempladores do mar
desmesurado coma un holocausto,
coma unha eternidade.

Os que teñen no principio un hospicio,
un fumazo que cega,
noite baixa de grilos e felpa fusilada.
Os que gardan no fondo dunha caixa de óxido
aceites raros, estampas desveladas,
unhas follas de égloga.

Gustaban do pantrigo, do mel lento das tardes,
do ruído dos ríos criadores.
Abrían libros de convicción, valedores,
algo perpetuo no día a día;
soñaron a paz que acende a flor da convivencia,
o carbón do delirio
e amaron para deixar de ser anónimos
e escuros e pobres definitivamente.

Os sentados ás portas.
Os pintores de cisnes
ou de crucificados,
oleosos de océano
cando o esplendor.

Líricos das derrotas e supremos,
transparentes de patrimonio,
voceiros quizais dun imposible.

Eles aínda posibles
nesta hora durísima do mundo.

 

[Luz de facer memoria. A Coruña: Deputación da Coruña, 1999]

 

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org