Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

As candongas do quirombo (2011)
Queremos outro lugar
3 minutos e 6 segundos





Descrición: Vídeo que recolle a intervención de Ana Romaní no IV Festival de poesía A Rebelión da Décima Musa, celebrado en Santiago de Compostela o 3 de xullo de 2011. A poeta le o texto "Isto non é un limiar", escrito como prefacio para a antoloxía do XXV Festival da Poesia no Condado, convocado sob o lema "Sem as mulheres nom há revoluçom".

Tipo de video: Vídeo informativo

Formato: flv

Fonte: Vimeo

Dereitos: Licenza Creative Commons: Autoría - Non comercial - Non derivados

Metadatos: Romaní, Ana; A Rebelión da Décima Musa; poesía e feminismo; poesía e política; poesía e compromiso; Festival da Poesia no Condado.

Observacións:

ISTO NON É UN LIMIAR

Nas latrinas do mundo, na súa insolente impiedade.
Nos ocos que as leis abren, naqueles nos que nin as declaracións se asoman.
Nas pastosas palabras que reiteran o baleiro, o lugar común, a  condescendencia, o paternalismo.
Na violencia extrema da vida diaria, da negociación na renuncia.
Nos traballos de prestado, sen dereitos, sen dereito.
Na carne exposta en venda nos anuncios.
No escuro da casa.
Nos coidados dos corpos enfermos e exhaustos que ninguén coida, aí no escuro da casa.No desgaste óseo de anos en vixilia.
Nos abismos da familia que enche aquelas bocas, nas súas trampas.
Nas carnes púberes do turismo sexual e nos corpos encorvados das que cavan a terra, das que seguen a cavar a terra, a terra que non é súa, tampouco a lingua as nomea.
Nas horas áridas que se estenden cos anos e na ira da estafa.
Nos sotos da fábrica sen ceo e nas agullas que atravesan esas mans pequenas.
No escuro da rúa, nas súas esquinas, alí onde case ninguén mira, e nos  corazóns exhibidos en prime time.
Nos corpos mazados das mortas que eles matan, nos das que non matan e atan cada hora ao seu paso.
Nas cancións de amor que tararean a sombra do desprezo.
Na exclusión das que non pactan nin negocian nin planean nin redactan nin dialogan nin declaran, senón que recollen os restos dos papeis e abrillantan esas mesas e limpan as moquetas e fregan as baldosas das salas de reunión.
Nas mans envellecidas que cosen a deshora os restos da súa vida.
Nos pés curtidos das que andan a terra á procura de auga, nas súas terras enxoitas usurpadas espoliadas.
Na metade do ceo que sosteñen as que nunca serán aviadoras.
Na alta dignidade das que chaman vítimas e son en realidade rebeldes, na defensa mortal da súa liberdade, na alta dignidade da súa rebelión, esas que eles matan.
No valor das que cada día van descolgando pouco a pouco os seus medos e na beleza das que danzan ao velas.
No cansazo das exhaustas de estar a comezar sempre e na paixón das que sempre comezan.
Nos corpos delas, campo de batalla de todas as guerras.
Aí radica esta furia e esta razón.
Non queremos un sitio, queremos outro lugar.

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org