MATÉRIA POROSA NA MAÑÁ
(Nos Alyscamps. Arles)
Matéria porosa na mañá,
embebida de luz,
fructificada na cor de terracota.
Sen filiación,
sen nome.
Desprovista de signos e de história
ser só a que contempla,
a oferecida a toda posesión
e rapto.
Na hora inteira, a auséncia.
Na plenitude azul e ocre destas áleas
unha oquidade de alma,
un desexo de ser confusamente
mineral e epiderme,
de vaziar-me de min como un sarcófago,
"dulcissima et innocentissima",
vella e pequena morta, Chrisogone.
Vaziar-me de ser para o ser todo
ao azar de cada instante.
Devastar o pasado.
Arrancar e polir até tocar o centro
da dureza, a osamenta esencial,
o núcleo do meu nada.
Ser oco e superfície.
Deixar que as estacións de sílex e antracita
apaguen o calor da miña boca,
que toda ave me esqueza.
Lugar de privación.
Nen sequer a poeira dos teus osos,
a moeda que che paga esta morada,
o artello dun crustáceo que viaxou
entre os pregues da túnica
polo curso das águas.
Da tua idade só resta este siléncio,
esta pedra gastada que non soubo gardar-te.
Ao final do vazio está o teu nome
Ao final do meu nada ven a noite
coas suas vagas ferozes.
Algo, que non se detén, pasa cantando,
deixa unha nota aguda na memória do sangue.
[Livro das devoracións. A Coruña: Espiral Maior, 1996]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org