Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Hemeroteca 2010-2014 > Novas > Nova
Máis Picaversos en 2012
[28/12/2011]
As lecturas poéticas organizadas por Olalla Cociña e Branca Novoneyra que se iniciaran en outubro continuarán un trimestre máis pola boa acollida.


O 4 de outubro pasado inauguráranse unha serie de lecturas poéticas quincenais no pub Modus Vivendi de Compostela. A proposta das organizadoras era recuperar o pracer de escoitar poesía, e de ler textos escollidos non por autores e autoras senón por temáticas ou ideas, de aí que as sesións tiveran sempre un tema artellador. Desde entón, houbo xa cinco Picaversos titulados, respectivamente: Incorruptibles, Feridos, Inocentes, Músicas e Lois Pereiro. E cinco follas voandeiras con textos suxeridos polas organizadoras e polos seguidores do blog.


Outra das particularidades destas citas poéticas era que en cada sesión houbese tres convidadas ou convidados, e que non tiñan que ser necesariamente poetas. Olga Novo, Martin Wu, Lupe Gómez, Eva Veiga, Estevo Creus, Mónica de Nut, Xosé María Álvarez Cáccamo, Dores Tembrás, Nuria Sanz, Deborah Vukusic, Carlos Santiago, Snob Megalove, Marta Pedrosa, Paco Macías, Iago Martínez e Mario Regueira xa interviron nos pasados encontros.

Olalla Cociña e Branca Novoneyra levan, así mesmo, un blog no que comparten todo o que vai acontecendo (ou está por acontecer) nos Picaversos, sexan textos, referencias bibliográficas, fotografías ou follas voandeiras.

No último Picaversos do 20 de decembro, as organizadoras anunciaron que estes encontros van proseguir cando menos outro trimestre pola boa acollida que están a ter entre o público. A seguinte cita será o 10 de xaneiro, ás 21 h. no Modus Vivendi, e nela intervirán Ildefonso Rodríguez, Cova Villegas e Bernardo Martínez a propósito do tema "Soños".

 

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org