Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Hemeroteca 2010-2014 > Novas > Nova
I Xornadas de Literatura e Ensino: Os camiños do entusiasmo
[22/11/2011]
Organizadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, estas primeiras xornadas de Literatura e Ensino convertéronse en viveiro de ideas e debates a respecto da presenza, funcións e necesidade da literatura no ensino obrigatorio.

Os pasados 18 e 19 de novembro reuníronse, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, un centenar de persoas, na súa maioría profesorado de secundaria, aínda que tamén de primaria, investigadores e investigadoras, autores, autoras e público interesado en xeral, para falar do ensino da literatura.

Os e as participantes nestas xornadas foron (por orde de intervención): Xosé Miranda, Antón Riveiro Coello, Xavier Seoane, Pilar Ponte Patiño, Mercedes Queixas Zas, Pilar Sampedro, Manuel Lourenzo González, Fran Alonso, Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre, Xabier P. Docampo, Antonio García Teijeiro, Teresa González Costa, Antonio Reigosa, Gracia Santorum, Ánxeles Abelleira e Jacobo Fernández Serrano. Houbo outras intervencións de presentadores ou moderadores de mesas redondas entre as que se contan, por exemplo, as de Cesáreo Sánchez, Marcos S. Calveiro, Francisco Castro ou Carlos Negro.

Falouse de estratexias para atraer o alumnado cara a literatura, de condicionantes como o currículum á hora de ensinala, dos prexuízos e tópicos que circulan sobre as LIX (Literatura Infantil e Xuvenil), de como escoller as lecturas para este alumnado e tamén de poesía, teatro, literatura oral, álbum ilustrado, novela gráfica e cómic na aula.

A importancia de ensinar literatura no ensino obrigatorio e o mellor xeito de levar a cabo esta tarefa foron a base destas xornadas que levaban por subtítulo: "A literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo".


[Na fotografía, de esquerda a dereita, Teresa González Costa, Antonio Reigosa, Carlos Negro e Antonio García Teijeiro durante a mesa redonda titulada Os "irmáns pequenos" no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral]

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org