Inicio > FAQ

Preguntas frecuentes

1. Que é poesiagalega.org?

2. Que é o GAAP?

3. Quen son os responsábeis desta páxina?

4. Que persoas e institucións participan no proxecto poesiagalega.org?

5. É unha web de poesía ou sobre poesía?

6. Que contidos centrais podo atopar en poesiagalega.org?

7. Que contidos complementarios podo atopar en poesiagalega.org?

8. Como se dispón a información?

9. Como usar a base de datos?

10. Como se presentan os textos do repositorio?

11. De onde proceden os materiais de poesiagalega.org?

12. Como se actualiza poesiagalega.org?

13. A quen se dirixe poesiagalega.org?

14. Podo usar libremente os materiais dispostos en poesiagalega.org?

15. Como podo colaborar co proxecto?

 

1. Que é poesiagalega.org?

poesiagalega.org é o nome abreviado do proxecto de investigación "poesiagalega.org: Constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural" [09SEC022204PR]. Por antonomasia, poesiagalega.org é o nome identificador desta web e do propio repositorio dixital coa base de datos asociada. No proxecto participan trece investigadores/as vinculados con catro universidades: Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC), Vigo (UVigo) e Barcelona (UB). O financiamento público do proxecto para o período 2009-2012 corre a cargo da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia no marco do Programa Sectorial de Investigación Aplicada (Tecnoloxía de Sociedade e Cultura). Para a elaboración do repositorio, o soporte técnico e a continuidade da web contouse así mesmo co financiamento e o apoio do Consello da Cultura Galega.

2. Que é o GAAP?

Son as siglas do Grupo Alea de Análise Poética, creado a comezos de 2009. Está configurado por dez investigadores/as que se fixaron o obxectivo de contribuír a dinamizar os estudos sobre materia poética achegando un discurso teórico-crítico renovado e plural. Asemade, o GAAP está interesado na intervención no debate sobre a cultura no espazo público. Do Grupo Alea fan parte unha investigadora da UDC, Iria Sobrino; unha da Universidad de Huelva, Margarita García Candeira; e oito da USC, Arturo Casas, Iris Cochón, Lorena Domínguez, María López Sández, Isaac Lourido, María Xesús Nogueira, Montserrat Pena e María do Cebreiro Rábade.

3. Quen son os responsábeis desta páxina?

Os responsábeis da páxina son os trece membros do proxecto de investigación, coordinados por Arturo Casas como investigador principal. Para o apartado técnico e de xestión da edición o proxecto conta con Laura Mariño, licenciada en Filoloxía e Máster en Lingua e Usos Profesionais pola UDC. A coordinación no Consello da Cultura Galega corresponde a Manuel Gago. O deseño do xestor de datos e da páxina web son responsabilidade de Dimensiona, Consultoría Tecnolóxica. María José Fernández é a persoa desta empresa que se ocupa da coordinación co equipo do proxecto e co propio CCG.

4. Que persoas e institucións participan no proxecto poesiagalega.org?

Os membros do proxecto de investigación son Ana Acuña (UVigo), Arturo Casas (USC), Iris Cochón (USC), Lorena Domínguez (USC), José L. Forneiro (USC), Helena González (UB), Isaac Lourido (USC), María Xesús Nogueira (USC), Montserrat Pena (USC), Olivia Rodríguez (UDC), Iria Sobrino (UDC), Dolores Vilavedra (USC) e Miro Villar (IES Fin do Camiño, Fisterra). Ás catro universidades de procedencia súmanse como institucións públicas que financiaron o proxecto o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Economía e Industria. Para obxectivos específicos de documentación e arquivo o equipo do proxecto conta coa colaboración doutras entidades, institucións e persoas.

5. É unha web de poesía ou sobre poesía?

Basicamente é unha web configurada como unha base de datos sobre a poesía no campo cultural galego ao longo dos últimos dous séculos. Preténdese documentar o discurso crítico, historiográfico e teórico-comparado sobre a poesía nese espazo sociocultural e institucional. Isto significa que a poesía entendida como “os textos poéticos” é un dos elementos principais que se terán presentes na investigación e na documentación. Con todo, o repositorio que se constituirá é algo notabelmente distinto a un arquivo de libros de poemas. Documentaranse estes e as coleccións correspondentes, e farase o propio con gravacións audiovisuais de poesía tradicional ou experimental, revistas de poesía e publicacións similares, cando o permitan as condicións sobre dereitos e cando o aconsellen outras circunstancias, pero esta non é unha prioridade do proxecto.

6. Que contidos centrais podo atopar en poesiagalega.org?

En principio, canto teña a ver coa poesía no campo cultural galego durante os últimos douscentos anos: reprodución de traballos críticos, limiares, recensións, capítulos de historias da literatura, cartas, poéticas de autor... Tamén se incorporará información e documentación sobre tradución, relacións interartísticas, o factor institucional, o mercado do libro, a lectura de poesía e as súas coleccións, as antoloxías... O repositorio configurará ademais un arquivo de producións videográficas, sonoras, visuais e fotográficas, sempre orientadas á documentación do obxectivo central do proxecto: o estudo e análise da poesía no campo cultural.

7. Que contidos complementarios podo atopar en poesiagalega.org?

A web inclúe unha axenda referida a eventos que teñen relación coa poesía. Facilítase tamén unha sección de novidades. Ademais, con certa periodicidade, ofreceranse contidos agrupados en forma de dossier. Estarán constituídos, case sempre, por documentación previamente incorporada ao repositorio, que poderá reforzarse para cada ocasión sumando materiais complementarios. Un sector autónomo dentro da web é a Revista de Poesía, cuxo consello de redacción está formado por cinco integrantes do GAAP: María do Cebreiro Rábade, Montserrat Pena, Margarita García Candeira, María López Sández e Arturo Casas.

8. Como se dispón a información?

poesiagalega.org é un arquivo dixital no que a información está sistematizada en forma de base de datos. Isto favorece a localización e dispoñibilidade do conxunto dos documentos arquivados (o repositorio). Concretáronse unha serie de campos e subcampos de natureza empírica e asociáronse a eles, segundo correspondeu en cada caso, os rexistros da base de datos (textos críticos, cartas, fotografías, gravacións de son…). Os buscadores internos favorecen o aproveitamento óptimo desa información por parte de cada usuario.

9. Como facer buscas na base de datos?

O acceso á información do repositorio de documentos arquivados faise a través dun arquivo/buscador que permite diferentes modalidades de procura. Pódese realizar unha busca libre introducindo unha palabra ou proposición que será rastreada nas fichas de catalogación dos recursos e tamén nos contidos anexos cando se trate de textos ou publicacións dixitalizados. En segundo lugar, habilítase a busca por autor/a a partir dunha nómina de autores permanentemente actualizada que permite ampliar a busca a varios nomes, para o cal deberá manterse pulsada a tecla Ctrl. A terceira modalidade consiste en realizar a procura específica de recursos referidos a campos ou subcampos concretos, coa posibilidade de buscar unha palabra ou proposición nos campos ou subcampos acoutados polo propio usuario/a. Adicionalmente, hai un conxunto de filtros que permiten realizar buscas máis precisas, dispostas para unha aplicación singularizada ou combinada: a) por tipo de recursos no que se realizará a procura (documentos textuais, imaxes, audiovisuais, sons ou publicacións dixitalizadas); b) por datas ou treitos cronolóxicos; c) por categorías de texto (libros, capítulos ou artigos, reseñas, teses, bibliografías…). Finalmente, existe a posibilidade de acceder a un listado alfabetizado de autores/as e títulos a partir da ligazón que figura na parte superior dereita da pantalla do arquivo/buscador.
Pode determinarse asemade o número de rexistros que se mostrarán en cada pantalla de resultados (6 por defecto) e elixir entre a presentación das fichas de catalogación en formato resumido ou extenso. O buscador indica na parte superior esquerda o número de ítems localizados segundo o(s) criterio(s) predefinido(s) e facilita unha ligazón permanente, con url abreviado, referida aos resultados obtidos na busca realizada, utilidade que permite gardar ou compartir esa información.

10. Como se presentan os textos do repositorio?

Os textos do repositorio prepáranse cun programa de autoedición e ofrécense aos usuarios en pdf. A edición conserva plena entidade documental por canto cada arquivo de texto fornece a paxinación da publicación orixinal. Cando non é posíbel o acceso a copias electrónicas procédese ao escaneado da publicación. Noutros casos trabállase con arquivos electrónicos facilitados polos autores ou editores. Este mesmo é o criterio fundamental aplicado á documentación fotográfica ou audiovisual, que nalgúns casos esixiu tamén a dixitalización previa das obras.

11. De onde proceden os materiais de poesiagalega.org?

Do traballo de documentación e análise emprendido polo equipo do proxecto. Trátase dun labor fundamentado na planificación previa sobre a clase de información requirida para cumprir cos obxectivos trazados. Bibliotecas, hemerotecas e arquivos, tanto institucionais como persoais, son as fontes básicas empregadas para localizar a información e proceder posteriormente a editala e sistematizala na base de datos. Doutra parte, a incorporación ao repositorio de materiais inéditos constitúe unha posibilidade aberta e en uso, tanto para textos como para produción visual, sonora ou doutras clases.

12. Como se actualiza poesiagalega.org?

O equipo do proxecto estabelece unha serie de prioridades e atende así mesmo a actualidade e as continxencias da vida cultural galega e da renovación da lectura teórico-crítica sobre a poesía nun marco global. A actualización é permanente, polo que o rendemento da base de datos irá a máis conforme se incrementan os rexistros.

13. A quen se dirixe poesiagalega.org?

O proxecto asume unha proxección sociocultural que constitúe un sinal de identidade como tarefa colaborativa e de transferencia do coñecemento. De entrada, o acceso libre ao repositorio prestará un servizo a sectores da sociedade sen dispoñibilidade para frecuentar arquivos e bibliotecas. Pensouse así mesmo no ensino medio: en facilitar o labor documental e didáctico a docentes e alumnado. Tamén nas comunidades galegas na emigración. E noutro plano nos especialistas que desenvolven a súa investigación en universidades estranxeiras e experimentan dificuldades para determinadas consultas referidas ao campo dos Estudos Galegos. Alén do rendemento normal de toda base de datos, calquera investigador da literatura galega pode tirar incluso un rendemento innovador no heurístico e no metodolóxico. Espérase de todo isto unha ampliación da masa crítica en relación co fenómeno poético e literario no campo cultural galego.

14. Podo usar libremente os materiais dispostos en poesiagalega.org?

A dispoñibilidade é libre e plena, sen outra restrición que indicar cando corresponda a autoría e procedencia primaria e secundaria dos materiais cos que se traballe. Para cando se desexe citar algún texto do repositorio, cada documento facilita o xeito bibliográfico apropiado de ofrecer esa información. O usuario elixirá entre as dúas formas básicas de cita e poderá facelo copiando e pegando o identificador bibliográfico do documento.

15. Como podo colaborar co proxecto?

Os usuarios/as que desenvolven dedicación académica sobre a poesía e/ou o campo cultural poden contactar co equipo do proxecto (gaapsdc[arroba]gmail.com) e facilitar datos, información sobre eventos ou documentación de diverso tipo (artigos, libros, fotografías, vídeos, gravacións sonoras), cuxo rendemento para o repositorio será avaliado posteriormente polo equipo. En relación coa Revista de Poesía que se integra en poesiagalega.org recoméndase visitar o apartado específico desta publicación e seguir as directrices alí formuladas. Alén do anterior, calquera lector/a pode dirixirse ao enderezo electrónico indicado para formular suxestións de acordo coa súa percepción e uso da web poesiagalega.org. Todas serán benvidas, aínda que o equipo non se compromete a contestalas.

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org