Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Guía de uso

Guía de uso

poesiagalega.org é un arquivo dixital no que a información está sistematizada en forma de base de datos. Isto favorece a localización e dispoñibilidade dos documentos arquivados (o repositorio) e permite así mesmo atopar series de documentos que comparten determinadas características. Os operativos de busca interna están preparados para fornecer un aproveitamento óptimo da información compilada. Isto conséguese a través de diferentes modalidades de acceso que de seguido se explicarán e exemplificarán.

Unha característica común a todas as buscas é o feito de que o resultado se ofrece en forma de listaxe, ordenada sempre polo primeiro apelido do autor/a de cada un dos documentos localizados. Esa listaxe amosará as fichas atopadas con dúas modalidades posíbeis (a resumida ou a completa) en función do que se decida marcar na opción que aparece na parte inferior dereita da pantalla. Asemade, pode predeterminarse o número de rexistros que se mostrarán en cada pantalla de resultados: quince, trinta, sesenta ou noventa.

Complementariamente a todo o anterior, o buscador fornece unha ligazón permanente aos resultados obtidos —cun url variábel, do tipo http://tinyurl.com/nalqjal— que nos permite gardar ese conxunto de referencias encontradas, ben para uso propio ben para despois compartilo con terceiras persoas.

EXEMPLOS

Busca libre dunha palabra

Efectúase introducindo a palabra na cela do buscador. Esta será rastrexada nas fichas de catalogación dos recursos e tamén nos contidos anexos sempre e cando se trate de textos dixitalizados, que en realidade son todos os arquivados no repositorio como tales textos (quedando á marxe por tanto só as palabras que aparezan en arquivos gardados como imaxes). Tras escribir o termo obxecto de busca na cela do buscador (Cunqueiro, por exemplo) e clicar na lupa que figura a carón, ou simplemente a tecla ENTER, veremos que se nos ofrece a listaxe completa de documentos polos que nos interesamos. Neses resultados aparecerán non só as fichas cuxos descritores inclúen o termo "Cunqueiro" (por exemplo na autoría ou na bibliografía secundaria) senón tamén as fichas asociadas a documentos nos que nalgún lugar se mencione ese nome polo menos unha vez; e isto con independencia de que o termo apareza ou non explicitamente na propia ficha. Para esta clase de opción os termos introdúcense na cela do buscador sen comiñas, clicando de seguido na lupa. O mesmo fariamos se a palabra for "alegoría", "xeración" ou "portugués", por exemplo.

Por recursos e/ou campos e subcampos

Cada unha das modalidades anteriores pode restrinxirse a só determinados tipos de rexistros —p.e., só a vídeos, ou só a arquivos de son, ou só a arquivos de texto; ou só ao conxunto formado por vídeos e textos— ou só a algún/s campo/s ou subcampo/s concreto/s. Un exemplo disto último sería unha busca do sintagma "Xohana Torres" en documentos publicados como teses ou traballos académicos. Para isto marcariamos previamente o campo "Texto crítico" e desmarcariamos "Cronoloxía", que é o campo que aparece sempre por defecto. Esta clase de busca pode ser tamén combinada, aplicándose a dous ou máis campos e a tantos subcampos como se desexe. Obviamente, cantas máis restricións incorporemos menos resultados se obterán. Así, podemos procurar por exemplo "Baixeras" no campo "Texto crítico", e dentro del no subcampo "Prólogos e peritextos", combinándoo co campo "Formas" e o subcampo "Formas métricas clásicas".

Busca libre dun sintagma

Neste caso débense empregar as comiñas a fin de que o buscador localice de xeito estrito o sintagma ou proposición polo que nos interesamos. Por exemplo, "Manuel Antonio", "María Mariño", "Festas Minervais", "O divino sainete" ou "uns versos do poeta Ovidio". Maiúsculas e cursivas non son opcións funcionais na busca, polo que o buscador dará os mesmos resultados para “follas novas”, “Follas Novas” ou “Follas Novas”.

Emprego de filtros

Adicionalmente, na terceira columna habilítase un conxunto de filtros que permiten realizar buscas máis precisas. Unha posibilidade é facelo por treitos cronolóxicos, referidos aos anos de publicación dos documentos que interese localizar (por exemplo, entre 1863 e 1888). Outra é facelo por categorías de textos (libros, capítulos ou artigos, reseñas, teses e traballos académicos, bibliografías…). Unha terceira posibilidade permite limitar a busca dun termo ou expresión a só os títulos ou só a bibliografía secundaria, por exemplo.

Por autoría ou títulos

Finalmente, ofrécese como complemento ao tipo máis usual de buscadores en bases de datos un índice de autoras/es e outro de títulos das publicacións.
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org