Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

As candongas do quirombo (2011)
"Todas as mulleres que fun"
2 minutos e 27 segundos





Descrición: Videopoema realizado a partir dun texto de Andrea Nunes Brións, incluído no seu libro Todas as mulleres que fun (Corsarias, 2011). Esta e outras pezas audiovisuais distribúense, en formato CD, xunto co propio libro. No videopoema dase continuidade á principal liña de forza da poética de Andrea Nunes Brións: a constitución dunha voz feminista, colectiva e insumisa.

Tipo de video: Vídeo creación

Formato: flv

Fonte: Vimeo

Dereitos: Licenza Creative Commons: Autoría - Non Comercial - Non derivados

Metadatos: Nunes Brións, Andrea; Todas as mulleres que fun; As candongas do quirombo; videopoesía; poesía e feminismo.

Observacións:

Texto do poema:

Esta nostalxia de nome e apelidos
foise delineando en cada unha das paredes desta casa.

Camiñas cara á porta e non dis nada,
eu conteño a respiración e
dóeme a pel de tanto querer prolongarte...

pesa este amor viaxeiro que nos rexistra cada dous días a equipaxe.

Pesan os cadrís que esvaro do teu corpo,
os fillos que non temos preguntan por ti,
teño que nomear cada unha das túas vértebras,
cada un dos teus poros enraizados no mundo
para saber das túas viaxes cara ao meu acento choutador,
de cómo pronuncias unha- xeonllo- fazula
e colgado de ti un letreiro xigante escrito en inglés
que non entendo,
e eu veña a dicir que non importa,
que por unha vez máis abriremos a xanela,
e tentarei sorrir mentres dis «fazula»,
e eu sigo coas miñas meixelas vermellas...

Cómo explicarche que me doe a historia deste país,
explicarche como vai iso de non querer axeonllarme,
de non avergoñarse por dicir aínda-libres
e procuro apresurarme a borrar esas manchas negras de humidade,
para que non semelle que algo vai mal.

E sigo co meu acento cantareiro mentres ti entras pola porta,
e contas os desastres do mundo,
e como é de grande a selva amazónica.

Eu tento finxir que algo do que dis importa,
pero dóeme a pel de tanto querer prolongarte.


Outros datos técnicos:

Voz: Andrea Nunes Brións e Carol Bret
Gravación de audio: cisma.org
Montaxe (vídeo e son): Raquel Rei
Música: Invited - Triplexity con Jennifer Greer

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org