Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Lopo, Antón (2006)
"Tres"
1 minuto e 38 segundos



lopo_2006_tres.mp3 (.mp3 1.9 Mb)


Descrición: Gravación pertencente ao volume 2 de Poetas e narradores nas súas voces, publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006).

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Consello da Cultura Galega

Dereitos: Consello da Cultura Galega

Observacións:

 

TRES

Nadamos río arriba e tinxímonos co óxido das súas fontes,
coas diminutas algas que se desprenden das algas para inzar nas torrentes,
co abrazo lamacento das árbores que, noutro tempo, foron árbores e agora son tamén río.

Ela ofrécelle a visión dos seus peitos aos ermitaños.
Il detense por veces e acena cos brazos, como un xacio que esperta.
Eu, rindo.

Río arriba ata o lugar onde centos de libélulas copulan mirando o sol,
sobre plantas acuáticas, tan cerca do solsticio
que nunca é noite nise treito do río cando chega xuño
e nil hai unha explosión de clorofila e insectos.
Se deletreases as margaritas,
sempre che dirían si.

As libélulas dobran o abdome de pracer
e o pracer debe ser tan intenso que as súas contorsións son imposibles.

As ras gorguexan dunha ribeira á outra,
chamándose entre si polo nome cadencioso das ras.
As bolboretas baten no aire
e déixanse caer.
Hai grilos, zapateiros remendando a corrente, moscas que non vemos pero sentimos ao lonxe, como unha caixa de ritmos.
Hai paxaros que aniñaron nos amieiros e pinzan o ceo.
Dúas serpes rózannos ao nadar
e il canta.
Ela estremécese.

Eu mergúllome na auga
e lámboos alternativamente dos pés á boca.
Non sei se o cuspe é o meu, o dela, a auga ou il que está a suar.
Tampouco sei a quen lle pertence a lingua que me entra na boca,
nin quen pregunta se aquilo é amor,

nin cal dos tres responde,
                                  "é o río".



[Fálame. Ferrol: Sociedad de Cultura Valle-Inclán, col. Esquío, 2003]

 

 

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org