PIÑEIRO DA CAEIRA. A ALEXANDRE BÓVEDA
Endexamais soñaras a súa morte,
a súa ollada atónita
adestrada hora a hora
na espera dunha alva sangrenta
mais à que custa crer
que esta luz de verán
será definitivamente a derradeira,
estes sons indecisos que organizan o dia,
unha canción de berce
que o primeiro disparo virou en ladaíña.
Endexamais soñaras o estoupido do sangue,
este esgallar de ponlas sen tronada
baixo un ceu de marfin
e o espanto das coruxas
sen que asobie ao lonxe o leñador.
Tampouco el esperava ser heroi.
Ao encostaren-no a ti
só podia lembrar unha cantiga vella de orfeón,
un colo forte e morno de muller.
Era estraño morrer contra unha árvore
nacida para os chios dos paxaros,
o zoar do nordés,
un gume que faísca silandeiro
e ese lento luir até ser mesa,
leito de morte e amor,
e a ucha dos recendos
lavrada polo pai.
[Poemas. Palma de Mallorca: Universitat de les Illes Balears, 2000]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org