TERRA
Terra de zugameles e de espellos,
quenlla da miña dor para esa fonte
onde se murcha a flor dos tempos vellos.
Por rotas do meu hoxe e do teu onte
cheguei aquén de ti, a esta ribeira
e pérdome sen soles neste monte,
aquí contigo, aquí, á túa beira,
acoitelado polos teus coitelos,
entalado por ti nesta arañeira.
Enxertado quedei nos teus bacelos,
entolecido en ti, ensarillado
neste abafo de redes e de ancelos.
Terra de corazón desacougado,
ningunha estrela do mencer te guía,
que te guía unha néboa do pasado,
que te guía unha sombra vouga e fría
chantada na tristura dos solpores
onte por ti, sen luces, morre o día.
Sombriza trepas polos corredores
altos da túa torre de arelanza,
resolta en bágoas, ensumida en dores
acadados por caste e por herdanza.
Xílgaro que te does entre reixas
ceibando o canto a xeito de esperanza,
perdido no tear das túas queixas,
nun relanzo de tempo sen idade.
¡Terra que me refugas e me apreixas,
fermosa terra, terra de saudade!
[Perdida luz. Santiago de Compostela: Follas Novas, 2000]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org