Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Tradición oral manipulada. Cerdedo (2007)
Santa Iria
3 minutos e 50 segundos





Descrición: Versión cantada por Manuela Cortizo, 77 anos (Cerdedo, Pontevedra). Recollida o 1 de decembro de 2007 por Ollo de Vidro.

Tipo de son: Audio informativo

Formato: Vídeo

Fonte: Asociación de Escritores en Lingua Galega

Metadatos: Cortizo, Manuela.

Observacións:

Este romance de Santa Iria, tamén coñecido por Santa Helena, é un dos temas romancísticos máis difundidos na tradición oral moderna. Isto débese, en boa medida, á súa integración no repertorio infantil, que fai que os romances adquiran ao mesmo tempo unha grande forza e fixación nos textos. Trátase dun romance de posíbel orixe portuguesa, pois parece estar basado na lenda do século VII da patroa de Santarém, que se espallou por todo o ámbito ibérico en versións octosilábicas, heptasilábicas e hexasilábicas. Na tradición de Galiza poden encontrarse nos tres metros, presentando en cada un deles un certo grao de galeguización diferente, mais nunca total. Por iso a versión case practicamente galeguizada deste video non parece espontánea e si premetida, como indican os editores da web. Por outro lado, o acompañamento con zanfona tamén se trata dunha mixtificación, pois as clases populares galegas rara vez cantaban en época contemporánea romances tradicionais con axuda instrumental, e menos aínda da zanfona, un instrumento case totalmente desaparecido na Galiza de principios do século XX, pois só era tocado por algún cego, e que foi recuperado por Faustino Santalices para a música galega basándose, sobre todo, en zanfonas francesas.

Transcrición do texto segundo a web da Asociación de Escritores en Lingua Galega:

Estando bordando   na miña corbata

con aghullas de ouro   dedales de plata.

Veu un cabaleiro   pidindo pousada.

- Se os meus pais queren,   eu de linda gana.

Puxéronlle a mesa   no medio da sala

con cuchillos de ouro,   cubiertos de plata.

Puxéronlle a cama   nun rincón da sala

con colchóns de seda,   sabenas de Holanda.

Pola media noite,   el se levantou

e das tres irmás   Helena levou.

- Di como te chamas,    miña enamorada

- Na miña casa, Helena,   aquí, Desgraciada.

Sacou puñal de ouro,   alí a matou.

Fixo unha gloriña,   alí a enterrou.

E ós sete anos    por alí volveu

pastorciños novos  no sitio encontrou.

- Pastorciños novos,   que gardais aí?

- Gardamos a Helena   que mataches ti.

- Miña enamorada,   meu amor primeiro,

que sempre te trouxen   ó lado dereito.

- Sácate de diante,   ladrón, carniceiro

que do meu pescozo   fixeches alleiro.

- Adiós, padre, madre,   hermanos devotos,

que eu voume pra o ceo   rogar por vosoutros.

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org