A unión dos romances de Xerinaldo + O Conde Flores (Gerineldo + La Condesita en castelán), que inicialmente caracterizaba a tradición romancística andaluza, está hoxe moi difundida tamén nas outras áreas españolas peninsulares. Xerinaldo está testemuñado en cancioneiros e folletos de cordel desde o século XVI e é hoxe un dos temas dos que máis versións se recolleron na tradición oral contemporánea, así como tamén un dos mellor estudados. Este tema trata dos amores da filla de Carlomagno e o seu criado Eginardo (o Xerineldo da tradición moderna), e de como o pai os sorprende na cama como "muller e marido". A tradición oral nalgúns casos quixo continuar a historia da princesa e Xerinaldo co romance d´O Conde Flores, que narra a historia dunha muller que sae da súa terra á percura do seu prometido. Non existen versións antigas deste romance, mais hainas do Conde Dirlos, tema carolinxio impreso en varios cancioneiros e folletos do século XVI, no que na situación de "voda estorbada" é o home o que vai percurar a súa amada. Esta inversión dos papeis é indicativa do maior peso da muller ao longo da historia, mesmo no ámbito rural, e encontra equivalencias noutros países do continente europeo. Por outro lado, en moitos casos o romance d´Conde Flores sufriu a influencia das versións facticias deste romance, que Ramón Menéndez Pidal publicou na súa Flor nueva de romances viejos, en 1928 e en 1933, e que desde moi cedo se difundiron grandemente, pois foron incluídas nos libros empregados polos mestres na Segunda República. Este feito de novos textos se tradicionalizaren en época contemporánea indica que a tradición oral é unha realidade viva, mesmo en xéneros que como o romanceiro ficaron asociados a un mundo rural en vías de desaparición. Neste sentido tamén se pode comprobar nesta versión de Abadín como a tradición oral non é pasiva, pois a lingua galega foi incorporada ao texto elaborado por Menéndez Pidal.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org