AS CAIXIÑAS DOS MEDOS
Preguntábase,
mirándose no espello
que lle amostraba todos os días a mesma cara de onte,
se xa sería vella
e ante o silencio
iniciou un paseo de zapatillas gachas
ao interior do seu corpo.
Nadou baixo as fervenzas das aurículas,
sentouse moi amodo no xardín dos artellos
e seguiu o paseo das arboredas
dos tendóns outonais.
Pero non atopou a senectude
e seguiu máis adentro buscando frondes en viaxe infantil
onde tiña soterrados os seus medos,
uns medos que naceran perfumados de primavera
e que permanecían en caixiñas
que ora estaban recubertas con inocencia de chocolate
ora de frío lacerante como eses carambelos
que expenden as xeadas á beira dos tellados.
Despois abriunas como tantas veces
e atopou os seus medos tan resecos
que só eran poeira de palabras,
memoria inerte,
pura cecina de alma
manando da memoria coa racionalidade
da táboa de Pitágoras
e a criba de Eratóstenes.
Volveu da súa viaxe.
Descubrírase vella e predisposta
a perderse no aire calquera tarde quén sabe cara ónde
como a flor das anémonas.
[En Zurgai: Algo más de veinte años. Bilbao: Zurgai, setembro 2000]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org