Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Vázquez Souza, Ernesto (2007)
"Ánxel Casal: flor de esperanza dunha nova literatura"
En Mato, Alfonso (coord.).
Ánxel Casal, un editor para un país. Catálogos de Lar e Nós: pp. 21-33.
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega e Seminario de Estudos Galegos.

O estudo comeza coa exposición dos problemas para acordar unha definición aceptábel ou polo menos coherente do que sexa unha literatura nacional e tamén sobre as dificuldades para postular a permanencia como tal desa serie nacional de textos no tempo histórico de considerarse só factores intrínsecos ou estético-literarios. A partir destas aclaracións o autor revisa a configuración dun mercado de lectores e libros en Galiza, con abundantes referencias tamén ao marco español a partir de 1830 ou en xeral ao europeo. O resultado fundamental é a proposta dunha periodoloxía de base para a historia do libro nos séculos XIX e XX. Obsérvase así, por exemplo, a relevancia dos procesos que neste ámbito se desenvolveron entre 1868 e a restauración borbónica de 1874. Tamén a conformación das grandes casas editoras e o rol dos medios de comunicación como empresas gráficas e de edición, ás veces promotores das chamadas Bibliotecas, entre aquel ano e a crise que conduciu á ditadura primorriverista. No caso específico de Galiza, o autor menciona os movementos habidos durante a etapa rexionalista e a aparición da Biblioteca Gallega (1885) de Fernández Latorre e Martínez Salazar, orientada como todas as da súa clase a un consumo popular. Vázquez Souza detalla así mesmo as consecuencias do peche en 1908 da actividade editorial da Librería Regional de Uxío Carré Aldao e en particular as do agromar das Irmandades da Fala en 1916 e de todas as iniciativas a elas asociadas dun ou doutro xeito. Este sería o contexto que explica a aparición dunha figura como a de Ánxel Casal e o éxito dos seus proxectos nos niveis político, comercial e cultural, valorados polo investigador como a aventura felizmente consolidada que puxo en marcha unha literatura nacional a prezos autenticamente populares. Nestas coordenadas analízanse diversos aspectos empresariais, formais e simbólicos da revista Nós e doutras producións impresas por Casal, atendendo tamén á rede de colaboradores de todos estes proxectos, fanados -como a propia vida do editor- pola sublevación fascista do 18 de xullo.

 
evsouza_2007_casal.pdf (.pdf 240 Kb)
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org