TRAZA DE MULLER (PASAXES)
NOME
Pronunciei mil veces
o teu nome. Pronuncieino
máis de mil veces.
E nunca foi en van.
DENTRO
Eu sei que vivo
porque pousei a man
sobre o teu ventre.
E só ti estabas dentro.
TREN
O importante é irmos
e non cara onde imos.
E nunca chegar máis lonxe
que antes de partir.
HOTEL
Todo amor ten un espacio.
Todo espacio un baleiro.
E nós enchímonos de nós
baleirándonos de nós.
POESÍA
Non escribo con máis tinta
que a traza do teu fluxo.
Pero vou cara o teu corpo
e a vida non se escribe.
PONTE
Eu viñen dende antes das orixes.
Ti estabas máis alá da outra beira.
E xuntos atravesamos todas as pontes.
MUSEO
Todo existe para que ti sexas.
Ti es para que todo exista.
E ti estabas alí absoluta
e soberanamente existindo.
PASAXE
Pasa o tempo polos bulevares,
o bulicio, todo pasa.
Pasa o tempo por ti.
E ti énchelo de vida.
GREVE
Pero non amádeme. Non lédeme.
Eu non teño outra bandeira
que as túas bragas nin máis patria
teño que as túas bágoas.
E ámote soamente con todo o que teño.
[A unha muller descoñecida. Ferrol: Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1987]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org