ARMA VIRUMQUE CANO
Do centro dun torrón aberto pola rella,
nunha poutada de terra estremecida,
naceu ó abrente un verbo alumeado,
unha fala ceiba para sairlle ó mundo.
Lisa calor do barro preñando olas,
coroza de xuncas na espeteira,
cerne carballo briño da palabra
a rachar cunca e berce, poderosa.
Un rechinar de poldras mal ferradas,
unha fame de inverno sen mantenza,
rouca voz temperando o vesadoiro
para soñarmos sementeiras imposibles.
Tamén o mar da dorna en obra e arte
batiu co seu salgado desamparo,
berros das avóas chorando naufraxios,
estrobos que luíran mans de medo.
Na arxila, cor de sangue pegañento,
medraran melodías coma vimbios,
preludios labirintos, espidas riscadelas
e un cáliz de seixo para o Grial.
Abeiraba o lume con lingua de codesos
chiscándolle muxicas ó nácaro irisado,
e nacía o naipelo, unha femia donda,
pra se non cumprir lei do vínculo ningunha.
Afeito o home á mensura da terra,
fíxose pobo pra escoller corpo e nome.
E foi colo de muller, matria parideira,
setestrelo da noite, luz do orballo...
Así medraron os peitos da lama,
así as bestas de xugo e temoeiro,
así os caxigos na devesa e na seara,
todo canto tocase a ferro de labranza,
porque as armas aceiradas,
as do varón, as que chaman á batalla,
¡ai esas!
Esas sempre foron deles.
[Inédito]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org