Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

O prologuista desenvolve en cinco apartados o estudo da vida e da obra de Valentín Lamas Carvajal. Despois de aludir á data de publicación de Espiñas, follas e frores (Ramiño primeiro), ás sucesivas edicións, ao éxito e á orixe do poemario, Xesús Alonso Montero ofrece unha breve noticia biográfica do poeta (doenza ocular, dedicación ao periodismo, preocupacións sociais, situación económica...).

A continuación sitúase o poemario Espiñas... na diacronía do discurso poético galego, isto supón unha revalorización da obra de Xoán Manuel Pintos e a relocalización da obra de Lamas Carvajal tras a de Rosalía de Castro e antes da de Manuel Curros e da de Eduardo Pondal. Alonso Montero considera que o annus mirabilis (1880) para a literatura galega se debe tamén á obra poética de Lamas, cun peso importante na decisión de Modesto Fernández González de convocar o certame poético que gañaría Curros.

O seguinte apartado dedícase á caracterización do libro Espiñas...: as varias musas (amorosa e civil), a importancia do soneto patriótico e a presenza de Rosalía de Castro. O último punto repasa o pouco interese que mereceu Lamas Carvajal a pesar de dedicárselle o Día das Letras Galegas e malia a boa acollida no seu tempo e durante o franquismo.

 

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org