Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Lourido, Isaac (2011)
"A autonomía como estratexia. Un ámbito de reflexión sobre o literario complexo e necesario" [recensión do libro de Antón Figueroa Ideoloxía e autonomía no campo literario galego, 2010]
Protexta: 17, pp. 27.
Atlántica de Comunicación e Información de Galicia S.A..

Recensión na que Isaac Lourido presenta de forma sucinta a traxectoria de Antón Figueroa e destaca a proximidade dos seus presupostos teóricos cos da socioloxía de Pierre Bourdieu. O autor sinala a relevancia da existencia de aplicacións non simplificadoras desta metodoloxía de análise ao campo literario galego. Observa tamén a dificultade do asunto tratado, habitualmente sometido a prexuízos de tipo ideolóxico, que propenden a facer equivalentes autonomía artística e suposta despolitización dos referentes e dos discursos. Lourido describe os contidos do libro e comenta as particularidades das aplicacións efectuadas sobre o campo cultural da Galiza de preguerra (con protagonismo especial para Manuel Antonio como obxecto de estudo) e sobre o campo cultural dos anos cincuenta, en plena posguerra (agora con protagonismo de Rodríguez Mourullo). Todo o anterior aparece conectado por Figueroa con determinadas tendencias estético-literarias, como as vangardas, o socialrealismo ou a nova narrativa; coa acción e as estratexias de grupos culturais e políticos nas coordenadas do galeguismo e do nacionalismo; e, en fin, coa propia constitución e usos da historia literaria. Lourido subliña finalmente unha das propostas principais de Figueroa, consistente na idea de que a autonomización leva consigo normalmente un reforzo da teorización das tomas de posición propias e unha superior homologación internacional das propostas. Isto último propiciaría sempre un máis amplo coñecemento exterior da realidade cultural en cuestión.

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org