Salvador de Lorenzana (seudónimo de Francisco Fernández del Riego, quen posteriormente prescindiría neste nome de pluma da preposición e pasaría a asinar como Salvador Lorenzana), presenta neste artigo os datos fundamentais do proceso que no ano 1936 conduciu á posta en marcha dunha organización que aglutinase os obxectivos dos homes e mulleres de letras do país. O 30 de marzo de 1936 convocouse a este fin unha asemblea no Concello de Santiago de Compostela, presidida inicialmente polo entón alcalde da cidade, o editor Ánxel Casal. A idea era crear a Asociación de Escritores de Galicia, culminando así unha longa etapa de dez anos de debates sobre a oportunidade da iniciativa. Lorenzana describe os cometidos que a Asociación se marcou. Ían desde a promoción xeral da cultura e a dinamización dos debates intelectuais no país á atención aos lexítimos intereses profesionais de editores e escritores. Lémbrase así mesmo no artigo o programa da convocatoria, dirixido á aprobación dun regulamento interno e á preparación dunha serie de intervencións e de solicitudes que se entregarían a distintas entidades e autoridades (cabido catedralicio, Concello da Coruña, Ministerio de Instrución Pública e outras) para recabar o apoio á creación dun Comité do Libro Galego, de cátedras de lingua e literatura galegas nas Escolas Normais e na Universidade de Santiago e outras iniciativas de importancia similar, alén de promoverse as homenaxes a Ánxel Casal e a Antón Vilar Ponte. No acto tomou inicialmente a palabra Álvaro de las Casas en nome da comisión organizadora. A presidencia da asemblea foi desempeñada na fase de debate por Roberto Blanco Torres. Por último, elixiuse unha Xunta Directiva, composta como segue: Gonzalo López Abente (presidente), Álvaro de las Casas (secretario xeral), Francisco Fernández del Riego (secretario de actas) e Roberto Blanco Torres, Xulio Sigüenza, Carlos Martínez-Barbeito Morás, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Lustres Rivas e Enrique Santos Bugallo (vocais). A sublevación do 18 de xullo de 1936 fanou entre moitos outros proxectos culturais do país a continuidade da Asociación. Os fascistas asasinarían nos primeiros meses da guerra dous membros da Xunta Directiva: Blanco Torres e Lustres Rivas.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org