VIN A TI
Voltei a ti coma o paxaro á fonte,
voltei na luz do día sen mansío,
buscando no teu reino de efémera inocencia
a antiga paz da tarde sosegada.
Cheguei ás túas portas,
ao pé dos teus valados tutelares.
Cheguei coa voz alucinada no éxtase da cantiga.
Fíxenme en ti presenza de esperanza.
Quixen bicar a flor do teu misterio,
pronunciar o teu nome,
acender o teu lume de tenrura.
Invoqueite na luz.
Chameite dende a pedra,
dende a néboa dos ollos tatuados de insomnio,
para erguer esta cúpula de pranto.
Voltei a ti, terra de ausencias,
entolecido amor,
miña patria de estatuas invisibles
onde a noite presaxia tactos íntimos.
Voltei a ti.
Viñen na luz do día sen mansío
para durmir á sombra do
meu dolmen,
no teu berce de bágoas,
miña nai milenaria,
infortunada deusa dos adeuses,
raíña coroada de agonía.
[Perdida luz. Santiago de Compostela: Follas Novas, 2000]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org