O poema "Cando eu morra" de Antón Tovar pertence ao libro Non (Ourense, edición do autor, 1967). Recolleuse posteriormente na súa Poesía galega completa (Madrid, Akal, 1975) e tamén no volume Poesía en galego I (1962-1975), edición ao coidado de Marcos Valcárcel (Santiago de Compostela, P.E.N. Clube de Galicia / Danú S.L., col. Arte de Trobar, 2005).
CANDO EU MORRA
Os mortos campesinos teñen as sepulturas
con canciós de paxaros e niñeiros de estrelas
i á carón das suas silvas van as vacas marelas
e cántanlles os ventos as cantigas máis puras.
Os mortos campesinos érguense antre piñeiros
i ás súas covas xeadas cheas de soedade
ofércelle a paisaxe pano de caridade
feito de millo i auga de toxos e vieiros.
Os mortos aldeás devalan por atallos,
antre os centeos verdes, xunto a ríos mansiños,
con fachicos de estrelas e noitébregos niños
de gaitas que inda tecen os seus finos meigallos.
Cando chegue o meu día i o derradeiro viaxe,
enterráime na dorna dun adriño aldeán,
poñéime nela espido sin sudario -no chan-
que xa teño ún pra mín feito só de paisaxe.
Cando o meu corpo morra xunto á frol das toxeiras
seréi un acio máis tripado en gran vendima
polas patas dos bois, os bois da miña Limia,
nun lagar oceánico de longas carballeiras...
[Texto tomado de Poesía galega completa. Madrid: Akal, 1975]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org