Arquivo/Buscador
Índice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Pazos, Carlos (2011)
"O primeiro modernismo português e a/na Galiza (1915): um caminho (im)possível"
En Xaquín Núñez Sabarís.
Diálogos ibéricos sobre a modernidade: pp. 41-61.
Braga: Centro de Estudos Humanísticos / Húmus.

O autor, membro do Grupo Galabra da USC e profesor na Universidade do Minho, documenta neste estudo a recepción do Grupo de Orpheu no conxunto do Estado español no ano 1915, con particular atención ao acontecido nos medios literarios galegos, insuficientemente coñecido a día de hoxe debido a diferentes causas. A repercusión é valorada como escasa no marco español malia a proxección exterior do Grupo figurar entre os seus propósitos declarados e a este fin estabeleceren contactos os seus membros con varios núcleos intelectuais, entre os que se contan sobre todo algúns barceloneses e o de Miguel de Unamuno, moito máis proclive este á estética da Renascença que ao ideario órfico. En relación con Galiza, destácase o papel desenvolvido por Alfredo Guisado, fillo de emigrantes galegos en Lisboa, partícipe inicial nos labores de Orpheu e axente moi atento ás actividades do enclave cultural galego na capital portuguesa e á propia consolidación das liñas de comunicación entre Lisboa e o galeguismo. Carlos Pazos concentra neste traballo a súa atención na repercusión que a saída de Orpheu alcanza en medios como El Eco de Santiago, La Concordia, Vida Gallega e El Tea, así como en xeral no que pode representarse co núcleo de Mondariz. Conxuntamente co labor mediador de Guisado, xúlgase relevante en termos histórico-literarios e de posíbel ímportación de repertorios a apertura por parte da planificación cultural galeguista á arte, á cultura e á literatura portuguesas. Porén, as feblezas do propio campo cultural galego na altura e o propio curso elexido pouco despois polas Irmandades da Fala e o nacionalismo galego a favor non tanto da conexión co modernismo senón co saudosismo e os valores estético-culturais da Renascença portuguesa acabaron por fanar a posibilidade dunha transferencia efectiva dos elementos repertoriais que mellor identifican as propostas do Grupo de Orpheu e o primeiro modernismo portugués.

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org