Este tema é un romance xograresco do que se coñece unha versión moi longa de 1454, porén os textos modernos parecen derivar dunha versión abreviada, que non foi impresa polos editores antigos. Existen diversas teorías sobre a suposta base histórica deste tema que tivo un grande éxito no século XVI xa que foi incluído en cancioneiros e folletos de cordel (o máis antigo de 1520); o seu asunto interesou tanto aos dramaturgos españois dos Séculos de Ouro (Lope de Vega, Guillén de Castro, Mira de Amescua) como a románticos europeos (Schlegel, Disraeli). Trátase dun romance ben coñecido na tradición oral moderna, pois recolléronse versións na Península Ibérica, Canarias, Azores, Madeira, América, entre os sefarditas, na emigración galega en Brasil ou portuguesa nos Estados Unidos e, mesmo, en Goa e Malaca, antigos postos de Portugal en Asia. É un tema moi difundido nas catro provincias galegas e en case todos os lugares do mundo onde se fala ou falou portugués. A tradición galega e a portuguesa deste romance coinciden no tratamento da fábula, feito que diferencia as versións galaico-lusitanas das castelás, máis próximas ás versións antigas: en canto nestas o conde mata a súa muller por imperativo do rei a pedido da súa filla, nos textos de Galiza e Portugal prodúcese un acontecemento sobrenatural, xa que Deus mata a princesa por “descasar os ben casados, cousa que Deus non quería”.
-Silvaniña se pasea polo corredor arriba,
2 tocando na súa guitarra ai, que ben a repartía!
Despertou o pai e a nai con lo ruido que hacía.
4 -¿Tú que tienes, Silvaniña, tú que tienes, hija mía?
-Tódalas nenas son casadas, sólo para min non había.
6 Encontrei o capitán, casado e con familia.
Mándeo chamar, meu pai, da súa parte e da miña.-
8 -Inda non eran as once i o conde á porta batía
-Que me quer o señor rei, que me quer, a súa señoría?
10 -Quero que mat´a condesa, que me case ca filla.
Como hei mata-la condesa, se a morte non merecía?
12 -Mátaa, conde, mátaa, conde, que se non tíroche a vida.-
Mandou pola comida das once pra o medio día,
14 inda non eran as doce, i a comida para a mesa iba;
las lágrimas de sus ojos, toda la mesa corrían.
16 -Conta, conde, conta conde, tu tristura i alegría.
-Vámonos pra el desierto, qu´alí eu cho contaría.
18 -Conta, conde, conta conde, tu tristura i alegría.
-Dixo o rei que te matase e que lle case ca filla.
20 -Mama, meu meniño, mama, este leite de tristura,
qu´a mañá por estas horas túa nai na sepultura.
22 Mama, meu meniño, mama, este leite de pesar,
que amañá por estas horas túa nai non cho vén dar.
24 -Morreu a filla do conde por mal feitos que faía:
descasa-los ben casados, cousa que Dios non quería.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org