Este romance de Santa Iria, tamén coñecido por Santa Helena, é un dos temas romancísticos máis difundidos na tradición oral moderna. Isto débese, en boa medida, á súa integración no repertorio infantil, que fai que os romances adquiran ao mesmo tempo unha grande forza e fixación nos textos. Trátase dun romance de posíbel orixe portuguesa, pois parece estar basado na lenda do século VII da patroa de Santarém, que se espallou por todo o ámbito ibérico en versións octosilábicas, heptasilábicas e hexasilábicas. Na tradición de Galiza poden encontrarse nos tres metros, presentando en cada un deles un certo grao de galeguización diferente, mais nunca total. Por iso a versión case practicamente galeguizada deste video non parece espontánea e si premetida, como indican os editores da web. Por outro lado, o acompañamento con zanfona tamén se trata dunha mixtificación, pois as clases populares galegas rara vez cantaban en época contemporánea romances tradicionais con axuda instrumental, e menos aínda da zanfona, un instrumento case totalmente desaparecido na Galiza de principios do século XX, pois só era tocado por algún cego, e que foi recuperado por Faustino Santalices para a música galega basándose, sobre todo, en zanfonas francesas.
Transcrición do texto segundo a web da Asociación de Escritores en Lingua Galega:
Estando bordando na miña corbata
con aghullas de ouro dedales de plata.
Veu un cabaleiro pidindo pousada.
- Se os meus pais queren, eu de linda gana.
Puxéronlle a mesa no medio da sala
con cuchillos de ouro, cubiertos de plata.
Puxéronlle a cama nun rincón da sala
con colchóns de seda, sabenas de Holanda.
Pola media noite, el se levantou
e das tres irmás Helena levou.
- Di como te chamas, miña enamorada
- Na miña casa, Helena, aquí, Desgraciada.
Sacou puñal de ouro, alí a matou.
Fixo unha gloriña, alí a enterrou.
E ós sete anos por alí volveu
pastorciños novos no sitio encontrou.
- Pastorciños novos, que gardais aí?
- Gardamos a Helena que mataches ti.
- Miña enamorada, meu amor primeiro,
que sempre te trouxen ó lado dereito.
- Sácate de diante, ladrón, carniceiro
que do meu pescozo fixeches alleiro.
- Adiós, padre, madre, hermanos devotos,
que eu voume pra o ceo rogar por vosoutros.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org